2014 / Lenzo en branco / Galería Besada / O Grove
Primeira exposición individual na galería Besada de O Grove. Inaugurada o 21 de marzo e aberta ata o 6 de maio de 2014. Preséntase unha serie nova con obras máis coloristas que en etapas anteriores. Trátase máis a fondo a liña do horizonte e faise un maior aceno a unha certa figuración paixasística. A obra principal da exposición é unha peza de 220 x 170 cm. Está tratada prácticamente con distintas cores brancas, sen máis.
Tres razóns que conflúen explican o título da exposición, “Lenzo en branco”. En xullo do ano pasado pechou unha empresa de aluminio na que traballaba Uxío. Agora está nun novo punto de partida, como un lenzo en branco. Por outra banda, a serie presentada na galería Besada é inédita e moi recente, deste ano 2014. Volve ser como un lenzo en branco. E por último, Uxío ten un novo can totalmente branco ao que chama Lenzo.
2012 / Delicatessen / Pazo de Torrado / Cambados
Exposición individual que se inaugura o 5 de outubro e dura ata o 4 de novembro. Todos os cadros presentados pertencen á serie Delicatessen pola súa limpeza e polo seu colorido. Unhas pezas de DM de medidas 38 x 46 cm conforman un políptico de 3,05 x 2,30 m. Outras son de aluminio de 15 x 15 cm que pretenden ser un azulexado. Aproveito a ocasión para facerlle unha homenaxe a Cy Twombly, pintor expresionista abstracto falecido no 2011, cunha sala exclusiva de cadros adicados a el. O acto serviu tamén para presentar a miña páxina web uxiolopez.com.
2012 / Pequeno Escenario / Galería Arcana / Vilagarcía de Arousa
Do 18 de maio ao 24 de xuño. Serie de obras de formato pequeno – 21 x 13,5 cm - que realizo con tintas, pigmentos e mesmo vernices, sempre en papel, e monto posteriormente sobre cartón pluma, e mais un lenzo grande de 162 x 162 cm.
2011 / Inéditos / Spaf Mr. Misto / Vilagarcía de Arousa
Inaugurada o 27 de maio nun espazo alternativo. Obra inédita que reune traballos de 1985 e algún que outro de 2010, glosando así un período de 25 anos. Inclúe asemade un video sobre o meu proceso creativo, gravado pola produtora de cine Mr. Misto.
2011 / Mais banda / IES Ramón Cabanillas / Cambados
Proceso de creación da portada Enormic banda 2011. Exposición realizada coas probas non seleccionadas para a portada do cómic “Enormic Banda“.
2010 / Barullo Branco / Sala Antón Rivas Briones / Vilagarcía de Arousa
Dende o 30 de abril ata o 31 de maio de 2010. Exposición organizada polo Concello de Vilagarcía de Arousa. Integrada por lenzos de gran formato, cuxo fío conductor é a utilización do pigmento branco, procedente do mundo do aluminio. Texto de Carlos Crespo; fotos de Vítor Mejuto. "Só podemos ser realmente nós mesmos cando estamos sos.“ (Arthur Schopenhauer)
2007 / Presencia Plasencia / Galería La Tea 6 / Plasencia
Dende o 4 ata o 30 de maio. A través duns amigos de Zarza de Granadilla tiven a sorte de coñecer a Jacinta Vivas, directora da galería La Tea 6; froito deste contacto foi a montaxe dunha exposición na que mesturo obra en lenzo e obra en aluminio.
2007 / Mirada de Preto / Galería Arcana / Vilagarcía de Arousa
Do 25 de maio ao 25 de xuño de 2007. Obra de formato pequeno - 30 x 30 cm e mediano – 50 x 100 cm – en soporte de aluminio, combinada con outra sobre tea de 195 x 125 cm.
2007 / Entrepedras / Club Náutico San Vicente do Mar / O Grove
Do 8 ao 30 de xuño de 2007. Comisariada por Vítor Mejuto, formou parte dun proxecto que incluía exposicións doutros artistas: Francisco Pazos, Vítor Mejuto, Miguel Piñeiro e Xaquín Chaves. A miña participación consiste na presentación de obra en soporte de aluminio.
2004 / Primavera Durmida / Galería Borrón 4 / Cambados
Última mostra individual na galería Borrón 4 do xa desaparecido amigo Luis Silvoso. Recollo obra relacionada dalgún xeito coa natureza, non tal como a percibimos senón concebida e plasmada de forma moi íntima no estudio.
2004 / A Liña do Meu Xardín / Galería Chroma / Vigo
Do 8 de outubro ata o 3 de novembro. É a miña primeira exposición individual en Vigo. Esta mostra, na que me resultou doado combinar obra de gran formato - 300 x 200 cm - con outra máis miúda - 20 x 20 cm -, inspírase nunha relación moi directa coa flora. O título da exposición alude ás pezas aliñadas en horizontal nunha parede da galería.
2003 / Pinturas / La Factoría / Vilagarcía de Arousa
Do 15 de agosto ao 15 de setembro. Exposición que realizo nun espazo alternativo de Vilagarcía. Presento sete obras de pequeno e gran formato, a maioría tratadas con vernices.
2000 / Reflexos da Superficie Plana / Sala Rivas Briones / Vilagarcía de Arousa
Do 6 de maio ao 5 de xuño. No ano 2000 púxose a andar a sala Antón Rivas Briones en Vilagarcía de Arousa, espacio adicado aos artistas plásticos. Eu tiven a sorte de inaugurala. Expuxen obra de gran formato – 300 x 200 cm – sobre soporte de aluminio. Tratei todas as obras con pigmentos e ácidos, deixando en moitos casos o aluminio no seu estado natural. Severino Penelas e o pintor e amigo Xaquín Chaves firmaron os textos do catálogo.
1999 / Aluminio / Galería Borrón 4 / Cambados
Do 29 de outubro ao 25 de novembro. Obra sobre aluminio de 100 x 200 cm, un políptico de 120 x 210 cm e algunha peza de pequeno tamaño. Texto do catálogo, de Camilo Franco e fotos de Vítor Mejuto. "O sagrado instinto de non ter teorías…”, de Fernando Pessoa resume a intención da obra exposta.
1998 / Vinteporvinte / Galería Arcana / Vilagarcía de Arousa
Dende o 4 de decembro ao 4 de xaneiro. Foi a miña primeira exposición nesta galería. Das trinta obras de 20 x 20 cm en DM xurdiría a serie vinteporvinte, na que seguín traballando posteriormente. O texto da tarxeta “Expresión sen ruido” é de Vítor Mejuto.
1995 / Áreas de Fundición / Espacio de Arte Pórticos / Vilagarcía de Arousa
Exposición realizada nun espacio alternativo. Serie en moldes con area de fundición e resinas feita en Fundiciones Rey de Vilagarcía. Estes moldes xa foran usados para a realización dunhas pezas de ferro para unha obra destinada á rúa da Baldosa.
1992 / Pinturas / Teatro Principal / Pontevedra
Do 8 ao 23 de maio de 1992. A miña primeira exposición individual en Pontevedra. Cadros de gran formato - 220 x 190 cm – en tea máis outra sobre cartón pedra, soporte que utilicei moito nesa época. O catálogo incluíe un texto breve de Friedrich Hölderlin.
1992 / Imaxes e Palabras / Concello de Vilanova de Arousa / Pontevedra
Do 17 ao 31 de xullo. Mostra integrada nas actividades das “Sonatas de Verán“ que conmemoran ao escritor Ramón María del Valle Inclán. Inaugurouse a exposición cun recital do poeta Anxo Pastor.
1990 / Pinturas / Sala da Asociación Cultural “A Estrada” / A Estrada
Do 9 ao 25 de novembro. Unha das miñas primeiras exposicións individuais, na que recollo obra en tea e papel.
1987 / Pinturas / Galería Sargadelos / Santiago de Compostela
Do 8 ao 23 de maio. Primeira exposición en Santiago de Compostela. Nesta mostra expoño obras das series “Placas Turcas“ e “As Meninas”, xunto con cadros obscenos e provocativos de mexadas e corridas.
1985 / Pinturas / Espacio de Arte Pizarra / Vilagarcía de Arousa
No mes de abril, neste espacio alternativo expoño collages sobre papel utilizando roupa usada. Xa daquela a miña prioridade era a investigación e a experimentación artística “ata encontrar algo e se non toda a vida buscando".